Isto que só se aprende coa literatura. Manifesto Pro-literatura promovido por Meettok Fundazioa

Meettok Fundazioa: Literaturaren aldeko manifestua

En tempos convulsivos, cando nos sentimos á deriva, a literatura sempre nos ofrece algunhas coordenadas. Anne Frank transmitiuno de xeito diáfano: “As persoas libres dificilmente se decatarán do que significan os libros para aqueles que vivimos encerrados”. A literatura colócanos perante o espello e pregunta: Somos libres? 

Algo acontece no teu corpo cando les a Homero. Unha vella verdade sacúdete e ábreche os ollos. Transfórmaste en Ulises dentro do cabalo de Troia. “Un clásico é un libro que nunca rematou de dicir todo o que ten que dicir”, sentenciou Italo Calvino. Lembrounos tamén que os clásicos dan forma á experiencia futura proporcionando modelos, contidos, termos de comparación, esquemas de clasificación, escalas de valores, paradigmas de beleza. Toda lectura deixa un sinal, malia que non o sintamos no momento. 

Grazas á imaxinación inventamos historias e mitos, debuxamos a tecnoloxía do futuro e soñamos viaxes ás estrelas. As intuicións poéticas foron o cerne do progreso da ciencia. As crónicas detalladas leváronnos á comprensión da estrutura compacta do átomo. “A literatura, incluída a máis antiga, a oral, ten a capacidade de producir ideas e insculpir perspectivas que penetran con profundidade nas nosas mentes e as transforman, queirámolo ou non”. As itálicas son nosas e estas palabras, de Olga Tokarczuk.

A literatura debe estar aberta a todo o mundo, non debe existir atranco ningún. De acceso universal.

Porque a literatura nos esperta e nos sacude, acende a mente. É combustible e é lume. Lemos en soidade, pero non estamos sós cando estamos a ler. Entretecidos ás épocas e aos caracteres que se nos abren no libro, aterramos en personaxes de ficción para insinuarnos trazos novos ao volver da viaxe. Porque a literatura é a contradición e o matiz que nos debemos como individuos e como sociedade.

Se cadra, ler non nos faga mellores persoas, pero deixará en quen le indicios da amplitude e da diversidade do mundo. Asemade, compartir aquilo que lemos con amigos, coñecidos, compañeiros de clase, membros do club de lectura ou nas redes sociais daranos tanto ou máis pracer que a propia lectura: falar sobre libros é un xeito de reescribilos. E a historia da literatura é a historia da lectura; avanza máis alá das queimas públicas, da censura e do estrondo e do furor dos nosos dispositivos electrónicos.

Pode que non sexamos moitos, pero os números non son o único que conta. Conformamos un ecosistema ben articulado: lectores, escritores, tradutores, editores, críticos literarios, libreiros, bibliotecarios…Axúntanos a literatura. Por iso queremos fortalecer e prestixiar esta rede, reivindicar o valor do libro. Porque o que nos ensina a literatura só se pode aprender ao ler literatura. Porque a literatura fala de cousas que nos concirnen a todos: valor, medo, desasosego, amizade, morte, amor, solidariedade.

Quen le sabe por que le. Se es dos que non le, terás as túas razóns.

De todos os xeitos, podes estar tranquilo. Malia que ti non te preocupes da literatura, a literatura sempre se preocupará de ti. Isto é algo que tamén aprendemos nos libros.

 

*Manifesto Pro-literatura promovido por Meettok Fundazioa.

Adhesións.

katixa agirre, uxue alberdi,  iñaki aldekoa, oihane amantegi, miren amuriza,  beñat arginzoniz, txema arinas, miren arratibel, yolanda arrieta,  mikel  arruabarrena,  garazi arrula, aintzane atela,  gotzon barandiaran,  maialen berasategi,  jon bilbao, itxaro borda, harkaitz cano, angel  erro, hedoi etxarte, josé fernández de la sota,  aintzane galardi,   aritz galarraga, oihana  garmendia,  jorge giménez bech, ekaitz goikoetxea, josu goikoetxea,  aritz gorrotxategi, nerea ibarzabal, juan kruz igerabide, izaskun igoa, tere irastortza,   jose anjel irigarai, karmele jaio,  edorta jimenez, irati jimenez, felipe juaristi,  jon kortazar, goiatz labandibar, hasier larretxea,  iñigo larroque, santi leoné,  anjel lertxundi, karlos linazasoro,  pello lizarralde,  nerea loiola, maite lopez las heras, elizabeth macklin,  juanra madariaga, peru magdalena,  juan ramon makuso,  gerardo markuleta, miren agur meabe, antxiñe mendizabal, laura mintegi,  inazio mujika iraola, kepa murua, elena olave,   carlos ollo, aritz pardina,  pello otxoteko,  eider rodriguez,  txani rodriguez,  beñat sarasola, danele sarriugarte, asier serrano, mikel soto, castillo suarez,  eli tolaretxipi, garbiñe ubeda, itziar ugarte, yurre ugarte, juan manuel uría,  juan luis zabala, josu zabaleta,  iban zaldua,  patxi zubizarreta.